José Gómez de la Cueva
-Johán Carballeira-
Fillo de José Juan Gómez del Campo e Rolendis de la Cueva García, naceu no ano 1903, e foi fusilado o 17 de abril de 1937 en Pontevedra. De rapaz alternou a súa vida en Vigo, na que iniciou os estudos, e a casa familiar de Bueu situada no lugar de Castrelo (O Valado).
Membro activo do Partido Galeguista. No 1936, representando ao Frente Popular, saíu elixido alcalde de Bueu. Durante o seu curto mandato loita polo benestar do seu pobo e sobre todo da clase campesiña e mariñeira. Na súa memoria déuselle o nome de “Johán Carballeira” ao Instituto de Bueu, así coma a unha rúa na mesma vila.
A finais do 1922 móstrase a súa primeira poesía en Faro de Vigo, onde, ó longo dos anos seguintes van aparecendo máis de medio cento de artigos, poesías, contos...… Colabora en revistas coma Vida Gallega (1926-28) e Céltiga (Bós Aires, 1927-30), Estampa (1929-33), Cristal (1932)... No ano 1927 inicia unha fructífera andadura no xornal El Pueblo Gallego como corresponsal do mesmo no seu pobo, comezando a empregar o sobrenome de ‘Johan Carballeira”. A súa producción xornalística é bastante ampla, máis de cincocentos artigos, reportaxes, contos, entrevistas, así como un conxunto de poemas que ía a recompilar nuns libros, que nunca viron a luz, que pensaba titular: "Con la frente en la noche" e, sobre todo, "Cartafol".