XII Premio poesía Johán Carballeira-2007
Mario Regueira
Mario Regueira
Nado en Ferrol no 1979. Fixo Filoloxía Galega na U. de Santiago e diplomouse en Dereito pola UNED.
Autor de "Rebelión no inverno" (relatos) e de "L'affiche rouge" (novela). Colaborador en multitude de publicacións (A Caramuxa, Citania, Dorna e Nova Ólisbos,...)
Gañou o premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé (2005).
Obra poética:
-Tanxerina (2006)
-Blues da crecente (2007)
Marie
NA historia sen comezo ou lugar
no que unha dor se cruza con outra
e lle impón servidume.
Camiños de auga, nomes esnaquizados, unha sombra
que segue os nosos anhelos e pasa a habitar
nos dominios do gato
saltando de alma en alma, murmurando promesas.
Recoñezo os teus ollos da vella palloza,
miña avoa estaba alí cando a túa silueta
depuxo reis e deixou rabuñadas nas éngoas,
cando o lume espreitaba tomando a túa forma,
/nos tempos felices,
o pasado que nos quitaron xunto co orgullo
ou as bibliotecas.
Cuspe sobre a miña febleza, nos titubeos cos que
/pronuncio o teu nome
pero aínda hai unha luz no seu fogar ...
Espiral Maior