top of page

XVIII Premio poesía Johán Carballeira-2015

Ismael Ramos Castelo

Ismael Ramos

Ismael Ramos Castelo

 

O poeta Ismael Ramos Castelo naceu en Mazaricos (A Coruña) no ano 1994. 

Comezou a escribir moi xove (16 anos). Premios Ánxel Casal: segundo no 2010 e primeiro no 2011. Gañador do I premio do Concurso de Relatos Curtos contra a violencia de Xénero (2012) organizado pola Universidade de Santiago.  No 2013 gaña o concurso Xosé A. Barral do IES As Bizocas de O Grove. Con anterioridade gañara os Premio Minerva  na modalidade de poesía (con "Oda á cafeína (ou anecdotario dun amor de inverno)" e de relatos (con "O factor humano ou a vida privada dos pronomes").

Agora ven de gañar, por unanimidade do xurado, o Premio Xohán Carballeira con "Os fillos da fame". O xurado estivo composto polos escritores Ramón Blanco, María do Carme Caramés e Luís Valle.

 

 

Obra poética:

-Os fillos da fame

-Participa en "6 poemas 6"

Casei co fillo máis novo dunha familia feliz fronte ó mar. 

Os rapaces emerxían das ondas, nus e pequeniños, ata chegar ós brazos das nais. Ulía a crema solar e había xoguetes de cores para todos. A temperatura era suave como as formas da area.

Durante o día as nais alimentaban os seus fillos con anacos de froita partida cos dedos, a máis branda, ou con coitelos, a que ofrecía maior resistencia. Algunhas mesmo os abrazaban e lles puñan nomes para berrar por eles se ían moi lonxe ou se confundían entre a multitude.

Os rapaces permanecían nus na súa maioría, a outros ensinábanlles que era a vergonza. 

Todos gardaban silencio, os nenos e as nais. Ninguén cuestionaba nada.

Despois chegaba a noite e algúns rapaces perdíanse de novo entre a auga. 

Casei co fillo máis novo dunha familia feliz fronte ó mar. Tiña nome, vergonza e sabía nadar.

 

bottom of page